
Unha das imaxes máis tristeiras e máis lúcidas da miña infancia é a de miña irmá collendo cartos na rúa. Un día pola mañá baixamos as dúas para ir co papá a algún lugar que non recordo. El agardaba co coche á porta da casa. Eu subín e senteime na parte traseira (era unha desas furgonetas de dúas portas)pero cando ela sentou (na parte dianteira)caéronlle os cartos do peto. Non sei como aconteceu pero saíron pitando unha chea de moedas, esparexidas, sen orde cara tódolos lados. Miña irmá baixou do coche e axeonllouse para recoller as moedas. Unha por unha, de xeonllos, as moedas do chan. Meu pai saiu tamén para axudala.
Eu, miraba cara eles dende a fiestriña do coche, na parte de atrás. Miña irmá pareceume pobriña e fermosa, entroume vergoña e deixeina de ollar. Quedei fitando os meus pés un anaco, choriñenta e confusa.
Inda hoxe cando lembro a estampiña fico así, choriñenta e confusa.